Os John Deeres

  • por

Os John Deeres levamos 15 anos facendo hard rock en galego. O grupo, que ten a súa base na Estrada, está composto na parte instrumental por Xermán Bernárdez, José Carbia, Marcos A. Muíños e Manuel Reices e acaba de completar a formación Vane García á voz.
Tras publicar 8 (autoeditado, 2013) e 20-20 (Free Code Jazz, 2017) os John Deeres editamos a finais de 2020, en plena pandemia, Cinzas.


Sobre Cinzas

Os John Deeres presentamos novo EP, Cinzas, cun brutal deseño de portada do noso camarada  Berto Cardona, debuxante,  ilustrador e membro de Meus e Discos de Corte

Nestes tempos convulsos para todo o mundo, pero tamén para nós como banda trala marcha de Ferni, o noso anterior cantante, e a fugaz participación de Patty Castro, rexurdimos das nosas cinzas. Pero non coma a ave Fénix, que non somos tan flipados, mais ben coma a señora que foza na lareira para ver se queda un rescaldo co que acender un carozo e facer lume de novo.

Así, Cinzas conecta todos estes anos de traballo con novos horizontes que xa imos debuxando, coma un punto e á parte para seguir escribindo a nosa historia. Son catro temas nos que contamos cunha chea de colaboracións de excepción. Na busca de nova voz, os John Deeres decidimos botarnos ao DIY e gravar este disco no local de ensaio con diversas voces e aproveitando rascuños de temas inacabados e vellas ideas.

Bótalle terra é o tema propio máis antigo dos que seguimos tocando, e aínda que forma parte intermitentemente do repertorio de directo foi quedando fóra dos discos anteriores, polo que decidimos regravala para este Cinzas tirando de pasado: contamos na voz con Iria Rey, cantante daquel xerme dos John Deeres, Diskordia. Nos coros está Ferni, que segue aí sempre aínda que xa non forme parte da banda, e a nosa amiga Luzia, que sabemos que lle presta moito a canción.

Onde está o teu deus?« é talvez a peza máis diferente de Cinzas. Aínda que inicialmente tiña unha melodía de voz máis convencional inspirou a Xoán Reices (cantante de Noxo, banda estradense de punk) para facer unha peza fóra da nosa zona de confort.

«Rancor« é quizais un dos máis representativos de Cinzas e do novo camiño dos Deeres. Parte dunha idea con máis de 10 anos e volve agora con letra e liña vocal de Vane García. Para este tema contamos ademais coa colaboración de Fredy Besteiro de Ambigüo  cun solo de guitarra.

Por último, Mala herba é a reinterpretación dunha peza pensada para o noso 20-20 pero que finalmente non entrou na selección dos 8 temas que formaron aquel traballo. Así a todo,  apetecíanos ter un rock’n’roll para facer en directo, así que fixemos esta nova versión, de novo con letra e voz da enorme Vane García, que finalmente quedou na banda.

Deja una respuesta